Os veciños de Berdoias inauguran a ruta «Vieiro Fidalgo»

1 minutes read
  • O vindeiro sábado, 29 de agosto, levarase a cabo unha actividade aberta a toda a cidadanía para dar a coñecer este camiño

O Concello de Vimianzo segue con inauguracións. Se ben este venres tivo lugar o acto de presentación da primeira casa de acollida no núcleo urbano do municipio, este sábado inaugurouse o camiño de «Vieiro Fidalgo», a primeira ruta de sendeirismo que conta con sinalización promovida polo Concello.

Tras acometer os labores para instalar sinais e paneis en diferentes puntos, o executivo quixo que foran os veciños e veciñas de Berdoias os primeiros en coñecer e percorrer este roteiro, que conecta este lugar con Boallo. O acto arrincou na igrexa parroquial e, desde alí, a comitiva realizou o percorrido completo, de 9 km.

Durante a estrea da ruta, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, sinalou que o obxectivo «é poñer en valor e dar a coñecer o enorme patrimonio etnográfico e patrimonial desta parroquia». E é que, ao longo do percorrido, os sendeiristas atoparán hórreos, muíños, pontellas, pontes alvarizas, pombais e, en liñas xerais, elementos dun gran valor etnográfico. A empresa Árbore Arqueolóxica encargouse de deseñar o roteiro, así como de realizar o control arqueolóxico, supervisando a colocación da nova sinalización e a limpeza dos elementos.

O vindeiro sábado 29 de agosto, ás 10.00 horas, o Concello organizará unha actividad aberta a toda a veciñanza, para dar a coñecer esta ruta. As prazas serán limitadas, polo que as persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente. Para iso, dispoñen do correo electrónico turismo@vimianzo.gal e do teléfono 604 03 66 17.