Os veciños de Camariñas, protagonistas do novo programa de compostaxe municipal

1 minutes read
  • O goberno local agarda captar 200 participantes a través de pequenos vídeos promocionais

O Concello de Camariñas busca participantes para o programa de compostaxe municipal, e faino a través de varios vídeos nos que os seus protagonistas son os propios veciños que xa están inmersos na iniciativa. Con estes vídeos o goberno local agarda captar uns 200 novos participantes.

Nas redes sociais do concello xa está publicado o spot ‘Rede Compost da Vida Camariñas’, o primeiro dos cinco breves vídeos dos participantes de edicións anteriores nos que contan a súa experiencia e convidan ao resto a participar.

Este proxecto de compostaxe, que durará 12 meses e está financiado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, axudará ás familias a reducir residuos ao transformalos en compost para os seus xardíns ou plantas.

“Coa compostaxe estaremos reducindo nun 50% a cantidade de residuos enviados ó ciclo da xestión municipal, producindo un importante aforro municipal, ademais de obter un produto de calidade para os solos do noso Concello”, declara Sergio Caamaño, Concelleiro de Medio Ambiente e responsable do proxecto.

O único requisito para formar parte deste programa é, ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a a formar parte deste proxecto educativo e formativo.

Inscricións: 981 737 004 medioambiente@camarinas.net