- A empresa construtora conta con rematar as obras antes do verán
A veciñanza de Razo e Oza xa pode solicitar os enganches á nova rede dirixíndose ás oficinas de Gestagua, empresa concesionaria do ciclo integral da auga. A construción da rede de abastecemento de auga ás citadas parroquias, que constitúe ademais o maior investimento realizado polo Concello de Carballo con fondos propios, entra xa na súa recta final, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. A empresa adxudicataria, Vázquez y Reino, conta con rematar as obras antes do verán.
Na parroquia de Oza, a obra levará a auga aos lugares das Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres e O Rodo. A ampliación a Serantes, que xa figura nos orzamentos deste ano, e a Vilar de Uz, permitirán completar toda a parroquia.
En Razo a rede abrangue os lugares de Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados. Tanto en Vilar de Cidre coma en Nétoma xa se aproveitara para poñer as canalizacións cando se fixeron as obras de saneamento e pavimentación, e nos orzamentos deste ano figuran 416.971,86 euros para ampliar as redes de abastecemento e saneamento tamén aos lugares de Cambrelle (Razo) e Cambre (Lema).
As obras da traída a Oza e Razo constitúen o tronco do subsistema norte, dende o cal partirán as derivacións a outras parroquias. O Concello licitará en breve o proxecto de abastecemento ao núcleo de Lema, cun orzamento de 431.876,23 euros, e nos orzamentos para este ano figura tamén unha partida de 171.006,65 euros para estender a rede a Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns).