Oscar Insua resalta a eficacia das iniciativas do BNG no Parlamento: «Cando pregunto, o PP pon a máquina a funcionar»

1 minutes read

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Óscar Insua, destacou durante a súa intervención na Comisión de Pesca e Marisqueo no Parlamento a «eficacia» das súas iniciativas e preguntas, ao constatar que actúan como detonante para que o Goberno autonómico «poña a máquina a funcionar».

«Á vista de todos queda a eficacia das miñas iniciativas e das miñas preguntas», afirmou Insua con ironía. «Cada vez que traio a este Parlamento unha pregunta ou unha iniciativa, automaticamente o Goberno actúa». O deputado puxo como exemplo que a aprobación do proxecto do porto mixto de Corcubión se produciu xusto cando el presentou a súa iniciativa sobre o tema.

A pesar de celebrar que o trámite xa está en información pública, Insua cuestionou a dilación temporal, recordando que o Goberno botou «un ano e medio» cando existen «proxectos máis complicados» elaborados en «tempo récord». O deputado nacionalista centrou as súas críticas no escaso orzamento adicado ao proxecto, só 20.000 euros para 2026, sumando un total de 75.000 euros en tres anos. Unha cantidade que considerou irrisoria para unha infraestrutura de tal calado.

Inseguridade nos amarres

A urxencia da situación vén marcada polos repetidos incidentes que afectan ás embarcacións, tanto deportivas como profesionais, debido á falta dun porto seguro. Insua enumerou varios sucesos recentes: un veleiro á deriva o 30 de xuño, un iate o 25 de xuño, outro veleiro rescatado o 2 de setembro e un barco de recreo nas pedras da praia de Santa Isabel o 5 de novembro. «Esta mesma semana», alertou.

O BNG reclama, por tanto, fin ás dilacións, un compromiso orzamentario acorde coa envergadura do proxecto e accións inmediatas que poñan fin á situación de risco que viven as embarcacións en Corcubión.