Ourense | A estudo como revitalizar e atraer poboación aos núcleos rurais


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar co Concello da Veiga e a Deputación Provincial de Ourense co obxectivo de promover a rehabilitación e restauración dalgúns núcleos rurais do municipio para atraer e fixar nel máis poboación.

Este foi o asunto central da reunión que mantiveron a conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Juan Anta, que coincidiron durante o seu encontro na importancia e no potencial que teñen este tipo de intervencións como elemento de dinamización tanto desde o punto de vista económico como demográfico, motivo polo que as tres administracións están xa estudando a mellor fórmula para poñer en práctica esta estratexia.

Ao respecto, a responsable autonómica indicou que a recuperación de zonas rurais con escasa poboación ou abandonadas é unha boa forma de promover e incrementar a oferta pública residencial dos municipios, ao tempo que subliñou que a vivenda constitúe sempre un atractivo á hora de promover o asentamento de nova poboación.