Ourense contará con nove polígonos agroforestais máis


Deles, sete están xa iniciados -nos concellos de Oímbra, Cualedro, A Arnoia, Leiro, Riós, Monterrei e Paderne de Allariz- e dous atópanse en fase de actuacións previas, nos municipios de Larouco e Castrelo de Miño. Unha vez rematados, suporán a mobilización, en conxunto, de máis de 600 hectáreas na provincia ourensá.

Precisamente, o conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este sábado en Castrelo de Miño a zona de Prado, na que se localizará o devandito polígono, de iniciativa pública e cunha superficie de 52 hectáreas, que corresponden a 113 propietarios. Este polígono estará orientado ao cultivo de viñedo para a Denominación de Orixe Ribeiro. En toda Galicia, segundo trasladou o conselleiro, son dez os procedementos xa iniciados (contabilizando os sete comezados en Ourense), cunha superficie superior ás 4.000 hectáreas.

Os polígonos agroforestais céntranse en potenciar os tres usos do chan -agrario, gandeiro ou forestal-. A iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto. Así mesmo, a norma establece que cos polígonos poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.