Ourense | Un incendio mata 23.000 polos nunha nave en San Amaro


Un incendio declarado este domingo nunha nave dedicada á explotación de polos, localizada no concello ourensán de San Amaro, calcinou por completo a edificación provocando a morte de todos os animais que estaban no seu interior.

Todo comezou ás 18:00 horas cando o 112 Galicia recibiu a chamada de alerta de varios particulares que informaban dun lume nunha granxa na estrada que une as localidades de Maside e San Amaro, precisamente na parroquia de Grixoa.

Con esa información, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Carballiño e da Central de Incendios Forestais da zona. Igualmente, pasouse aviso aos efectivos de urxencias sanitarias por se fose necesaria a súa intervención.

Tras finalizar a intervención, os bombeiros confirmaron ao 112 Galicia que foi necesario o uso de varias motobombas para conter a virulencia das lapas, que consumiron a nave na súa totalidade.

Para prestar apoio aos servizos de emerxencia e coñecer as causas do suceso, desde o 112 solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil e tamén pasouse aviso ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.