Outes acolleu o I Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña


Este sábado tivo lugar a cuarta proba do ‘I Circuíto de piragüismo en augas tranquilas Deputación da Coruña’ en Pontenafonso, Outes, con récord de participantes: 444 deportistas das categorías base dos clubs da provincia. A deputada de Deportes, Cristina Capelán, asistiu á entrega da premios da regata e destacou o éxito da convocatoria pola altísima participación que se viviu na proba. Capelán lembrou a elevada expectación que suscitou entre os deportistas e clubs de piragüismo da provincia.
Houbo clasificacións individuais e por equipos para cada regata, e unha clasificación final do circuíto por equipos. En cada regata entrégaronse medallas ou trofeo ás tres primeiras/os clasificadas/os de cada categoría e modalidade, ademais de trofeos aos tres primeiros clubs.
Tratouse da cuarta proba dun circuíto que xa se celebrou en Narón, Boiro e Betanzos, e que tivo lugar hoxe en Outes. A competición continuará en Ames e As Pontes.
Os participantes, de entre 6 e 16 anos, tomaron parte na proba nas seguintes categorías: pre-benxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete; nas correspondentes modalidades de caiac homes, caiac mulleres, canoa homes, canoa mulleres e paracanoe.
Os clubs que participaron na proba foron o Club Rías Baixas-Naut.Boiro, Club Grupo Xuvenil de As Pontes, Club Náutico Ría de Betanzos, Club Kayak Mar Ría Muros Noia, Sociedade Deportiva As Xubias, Club Náutico de Cambre, Club Deportivo Náutico de Miño, Club Ribeiras do Tambre, Club Cabanas KDM, Club Náutico Firrete, Club Piragüismo Rianxo, Club Piragüismo Narón e Escola de Piragüismo de Outes.