Dous traballadores sufriron un accidente laboral este martes en Outes. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, un deles perdeu a vida e o outro operario resultou ferido de consideración ao caer ao chan dende unha torre de alta tensión mentres realizaban labores de mantemento a unha altura duns sesenta metros.
Os feitos tiveron lugar nunha zona de monte na parroquia de Valadares. Varias persoas particulares deron conta do accidente ao 112 Galicia. Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ata o lugar un helicóptero medicalizado, no que finalmente foi trasladado o traballador ferido ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Por outra banda, os efectivos médicos nada puideron facer por salvarlle a vida ao outro operario accidentado.
Neste operativo interviñeron, tras ser alertados polo 112 Galicia, os membros do GES de Muros, os axentes da Garda Civil e da Policía Local, os voluntarios de Protección Civil de Outes e Mazaricos e a empresa subministradora de electricidade.