Outorgadas 4.987 axudas directas a establecementos hostaleiros da comarca da Coruña


Os establecementos de hostalaría da comarca da Coruña, recibiron 4.987 axudas directas no 1º e no 2º plans de rescate, ás que a Xunta destinou 11,6 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a un dos sectores máis afectados pola pandemia e polas medidas sanitarias. Por grandes cidades, a da Coruña recibiu 3.176 axudas por valor de 7,4 millóns de euros.

En toda Galicia outorgáronse máis de 37.000 axudas directas en ambos os dous plans de rescate, co que chegaron case a nove de cada dez bares, restaurantes, cafeterías e outros establecementos de alimentación e bebidas radicados na Comunidade. Todos estes apoios supuxeron ata o de agora un desembolso de 86,6 millóns de euros das arcas autonómicas.

Cos dous primeiros plans de rescate a Xunta mobilizou un total de 182 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a estes negocios e contribuír á permanencia do emprego e da viabilidade. Máis da metade dese diñeiro foi parar ao sector hostaleiro.