A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou un investimento autonómico de 1,1 M€ para executar unha nova senda e unha pasarela baixo a vía do tren que solucione os problemas de mobilidade peonil na estrada AC-840 en Oza-Cesuras. A actuación nesta estrada, ao seu paso polo núcleo da vila, permitirá salvar o actual estreitamento no quilómetro 8,2, derivado do paso do tren e no que só hai espazo para os carrís de circulación de vehículos, polo que calquera veciño que necesite pasar a pé por este punto agora mesmo ten que invadir a estrada. Para atallar e solucionar a situación, atendendo á solicitude do Concello, a Xunta estudou as alternativas para determinar as posibilidades de conexión para habilitar un paso seguro para peóns, cun itinerario diferenciado dos carrís de circulación.