Pabbar, o lobo mariño recollido en Barizo, recupérase en Nigrán


A tempada de avistamentos de lobos mariños na costa galega acaba de empezar, o que supón un pequeno adianto con respecto ao ocorrido nos últimos anos. Así o constata a aparición nas últimas tres semanas de dous cachorros desta especie, que nestes momentos se recuperan das súas feridas nas instalacións da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) en Nigrán. Un destes animais foi identificado a fin de semana pasada na praia de Barizo, en Malpica, e aínda que nun principio mantívose baixo seguimento para ver se regresaba pola súa conta ao mar, decidiuse trasladalo nunha unidade móbil á UCI de Nigrán. Nomeado como Pabbar, trátase dun macho de menos de dous meses e 19 kg de peso, con limitación de mobilidade do terzo posterior do corpo por luxación articular, moi deshidratado e cunha pequena obstrución dixestiva. Neste momento aínda se atopa en situación crítica. Persoal do Cemma ocúpase da súa atención e coidado en virtude dun convenio de colaboración subscrito desde hai varios anos coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para participar e coordinar a Rede de Varamentos de Galicia, xa que os animais aos que tratan son especies protexidas e require das pertinentes autorizacións.