Pablo Álvarez e Sara García | Astronautas españois da Axencia Espacial Europea


O enxeñeiro aeronáutico español Pablo Álvarez Fernández foi seleccionado pola Axencia Espacial Europea (ESA) para formar parte do seu novo equipo como astronauta titular, mentres que a investigadora Sara García Alonso, tamén española, foi escollida como astronauta suplente, dentro da nova promoción cuxos membros poderán participar en futuros voos tripulados dentro de misións transcendentais como o regreso á Lúa ou a futura chegada a Marte.

Álvarez Fernández, nacido en León en 1988, convértese así no terceiro astronauta na historia de España, despois de Michael López-Alegría (NASA) e Pedro Duque (ESA). Entre 2011 e 2017, empregouse como enxeñeiro de estruturas de varios programas de aeronaves de Airbus, tanto en España como en Francia e Reino Unido. Desde 2017 ata 2020, entrou en contacto máis directo co ámbito aeroespacial, ao traballar como arquitecto mecánico do programa ExoMars Rover, o astromóvil que busca explorar Marte nos próximos anos. Actualmente, é o responsable de proxectos de Airbus na súa sede de Xetafe.

Pola súa banda, García Alonso, que tamén é leonesa e ten 33 anos, estudou o grao e o máster de Biotecnoloxía, e na actualidade traballa como investigadora posdoctoral no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), onde desenvolve a súa actividade en medicina de precisión liderando un proxecto de oncoloxía experimental e descubrimento de fármacos no laboratorio de Mariano Barbacid.