O vicesecretario xeral do PSdeG e cabeza de lista ás eleccións autonómicas por A Coruña, Pablo Arangüena, denunciou en Muros a “campaña de difamación e mentiras” artellada polo PP e o goberno galego en relación á normativa de costas, como vén de replicar o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda. Así o dixo nun encontro coa militancia celebrado este xoves en Muros dirixido, explicou, a “desmontar as falacias vertidas polo PP contra o goberno”.
O responsable socialista explicou que, lonxe da versión do PP, “a única alusión á costa do Proxecto de Lei de Cambio Climático refírese a que as concesións teñen un prazo máximo de 75 anos, ademais de que nada impide a súa renovación unha vez esgotadas”. Criticou a “interpretación torticeira e disparatada dun artigo” do proxecto de leí por parte do PP e do goberno galego.
Criticou que “sen embargo omítese que a instancias do PSdeG o Ministerio comprometeuse a modificar a normativa de Costas da man do sector”. Ademais, engadiu, “comprometeuse explicitamente a favorecer de tódalas formas posibles o mantemento das explotacións económicas asociadas á costa de Galicia”.
Subliñou que, lonxe da “campaña de falacias artellada coa única intención de xerar incerteza e inseguridade”, o goberno “traballa para garantir a seguridade xurídica e física da actividade económica nas costas galegas. Arangüena citou á ministra de Transición Ecolóxica, que se comprometeu no Congreso a ter en conta á industria do mar e ao sector marítimo alimentario.