O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, censurou a vacinación “saltándose todos os protocolos” da conselleira delegada de Domus Vi, “unha señora que é amiga do señor Feijóo e doutros cargos do PP de Galicia”. Así, criticou o “respaldo” do PP amosado polo seu voceiro no Parlamento, “que se move entre o cinismo e a falsidade” ao sinalar “que a súa vacinación foi correcta porque en Galicia se inmunizou a todos os directores de residencias”.
Arangüena subliñou que “A señora Fernández non é unha directora de residencia, senón accionista, millonaria e a máis alta directiva en España dun imperio xeriátrico creado e expandido baixo o paraugas da Xunta de Galicia, e no que houbo 2.600 falecidos nesta pandemia, centos deles en Galicia”, sentenciou. Nesta liña, subliñou que “non é, como di o PP, unha directora, dunha residencia ou persoal asistencial que deba ser vacinado”.
“Se a cidadanía respecta os turnos que establecen os protocolos sanitarios, exactamente o mesmo teñen que facer os cargos do PP e os empresarios amigos do PP de Galicia”, concluíu.