O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, avogou por “reforzar” a cooperación transfronteiriza con Portugal e alertou da inacción da Xunta ante o “dinamismo económico” da zona norte do país veciño que, dende 2010, “está absorbendo economía produtiva galega en forma de centos de empresas que se deslocalizan total ou parcialmente”.
“O norte de Portugal esta coméndonos as papas”, sentenciou o dirixente socialista, que malia mostrar a súa ledicia porque “lle vaia ben ao país veciño”, o norte de Portugal “está deixándonos atrás en moitos aspectos”, xa que como rexión “forte e dinámica” capta inversión “e non a deixa escapar, como facemos nós en Galicia”.
Deste xeito, destacou que “o problema non é de soberanía, senón de bo goberno ou mal goberno”, tendo en conta que “a competitividade non é unha cuestión de capricho” e que “mentres o norte de Portugal medra en competitividade, Galicia está quedando atrás”.