Pablo Arangüena presenta as 40 propostas de Resolución ao Debate do Estado da Autonomía


O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, presentou as 40 propostas de Resolución dos socialistas galegos ao Debate do Estado da Autonomía que apuntan aos “problemas reais da cidadanía” e que foron plantexadas, dixo, con “máxima vontade de diálogo e consenso” cos outros dous grupos parlamentarios. As propostas dos socialistas galegos centraranse, dixo, en política industrial, políticas sociais, educación e sanidade, medio ambiente ou o reequilibro territorial.

Presentou un Pacto pola Industria para salvar a crise industrial con “empresas que pechan e un goberno que non fixo nada en 12 anos máis alá do fiasco de Pemex”, que inclúe converter ao Igape nun verdadeiro instrumento de promoción económica e consensuar os proxectos aos fondos Next Generation.

As propostas socialistas inclúen a corrección do déficit en política social cun investimento progresivo ata acadar a media estatal, reforzando os equipos de valoración de discapacidade, mellorando as políticas de atención á dependencia ou impulsando un novo modelo residencial e de coidados ás persoas maiores.

Propuxo “o reforzo da Atención Primaria, dando estabilidade laboral ao persoal sanitario, porque a sanidade pública está deteriorándose despois da pandemia e dunha década de recortes”, así como o reforzo da educación pública.

Arangüena, censurou o “rodillo parlamentario” que leva ao PP a “confundir o que é o diálogo cun trágala” dun partido que “está cada vez máis radicalizado, cun discurso máis propio dunha competición con Vox que dun centro dereita civilizado”.