Pablo Arangüena sinala “posible prevaricación” na falla de resposta da Xunta ao baleirado dos encoros

Pablo Arangüena.

O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, apuntou á “posible prevaricación por omisión” da Xunta, que leva 3 meses sen actuar logo de coñecer do baleirado dos encoros. No debate dunha pregunta oral en Comisión, o responsable socialista lamentou o “cinismo insoportable” do goberno galego ao intentar derivar a responsabilidade ao Estado cando contan con ata 3 leis e un regulamento con outros tantos réximes sancionadores.

Arangüena sinalou que “o goberno galego sabía o que acontecía, coñece a obriga legal e non fixo nada aparte de botar balóns fora” e insinuar unha suposta conivencia do goberno central coas eléctricas “xustamente esta semana, na que o Executivo puxo enriba da mesa medidas restritivas para tratar de meter en vereda ás eléctricas”. Lembrou que o Executivo está modificando actualmente o artigo 55 da Lei de Augas para permitir tomar as decisións que esta vez non puido.

Ao mesmo tempo, dixo, quen segue sen facer nada é a Xunta, liderada por un Feijóo que si que é amigo recoñecido do presidente de Iberdrola, Galán, como demostrou o “abrazo cando gañou as eleccións de 2009”. O que si fixeron, sinalou, foi reducir este mesmo ano nun 92 por cento as sancións previstas polo baleirado dos encoros previsto na Lei de Pesca fluvial, pasando de 300.000 euros a apenas 25.000.