Pablo Arangüena visitou o faro e o porto de Fisterra

2 minutes read

O cabeza de lista por A Coruña e vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, comprometeuse a impulsar desde a Xunta, en colaboración co Concello, un centro de interpretación da Costa da Morte no Faro de Fisterra.

Arangüena, que visitou o municipio xunto á candidata Begoña Rodríguez, o alcalde fisterrán, José Marcote, o alcalde de Carnota, José Manuel Saborido, e outros membros da candidatura, criticou o abandono por parte do goberno de Feijóo e do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña respecto a un lugar de enorme simbolismo, e que recibe máis de medio millón de visitantes ao ano, boa parte deles peregrinos que prolongan ata aquí o Camiño.

O candidato destacou que o peche do faro desde hai cinco anos «exemplifica a falta de xestión e de aposta polo patrimonio material e inmaterial de Galicia do PP”.

Neste caso, ademais, ás portas do Ano Santo, desperdíciase un activo de altísimo valor turístico  e simbólico, o segundo máis visitado de Galicia, que adquiriu a distinción de Patrimonio Europeo en 2007 e a perdeu en 2014 pola falta de compromiso da Xunta, que ten a competencia plena en Turismo pero solo se preocupa do Camiño De Santiago.

Arangüena denuncia o feito de que Turismo da Xunta rexeitara a proposta do goberno local de instalar un centro de interpretación da Costa da Morte no Faro, e que a única iniciativa prevista sexa a súa conversión en hotel, cando xa hai un a 50 metros.

O candidato comprometeuse a impulsar o centro de interpretación para que os milleiros de visitantes que chegan podan entender o significado e dimensión dun lugar tan especial como Fisterra nun escenario tan destacado coma a Costa da Morte

«Unha vez máis, o PP prima a explotación elitista do patrimonio común en vez do seu uso público e pedagóxico», engadiu.

Situación do porto

Logo de visitar as instalacións portuarias de Fisterra o candidato preguntouse por que Portos de Galicia ten abandonado este municipio, na mesma liña que o resto da costa.

Para Arangüena, Portos «é un organismo que dificulta ou impide o desenvolvemento da actividade turística e portuaria», un ente «meramente recadador que non inviste nin facilita as actividades produtivas» , o que o convirte nun «atranco para o desenvolvemento da costa galega».

Ante o alcalde, adquiriu o compromiso de analizar a posibilidade de construír un contradique que facilite o resgardo no peirao fisterrán.