Pablo Iglesias deixa a política


Pablo Iglesias anunciou este martes, tras coñecerse os resultados electorais á Asemblea de Madrid, que deixa a política de primeira fila e abandona todos os seus cargos en Podemos. «Cando un deixa de ser útil ten que saber retirarse», asegurou. O seu partido, presentado nestes comicios baixo a candidatura de Podemos-IU, gañou tres escanos e máis de 70.000 votos con respecto aos seus resultados de 2019, pero aínda así queda a 14 escanos de distancia dos outros dous partidos de esquerda, con 24 asentos cada un. Con todo, o líder de Podemos afirmou que a súa presenza levou a unha maior «violencia» na política e que se converteu nun «chibo expiatorio», polo que non quere ser un «tapón» para a formación. Por iso, anunciou a súa renuncia a todos os cargos do partido, debido a que actualmente non ostentaba ningún cargo público tras a súa dimisión como vicepresidente do Goberno de España. Iglesias xa non asumirá o escano que lle correspondería como cabeza de lista do seu partido en Madrid, e o liderado volverá quedar en mans de Isa Serra. A nivel nacional, mencionou á vicepresidenta Yolanda Díaz como a persoa que rexerá de momento o rumbo do partido.