“Día 2 de xaneiro do 2024, as Urxencias do CHUS seguiron colapsadas”. A Asociación de Pacientes do CHUS denuncia por enésima vez o “colapso” do principal hospital da capital galega con escenas que para a veciñanza compostelá xa non resultan estrañas: pacientes agardando durante longos períodos de tempo e padiolas amoreadas nos corredores.
A rápida propagación este inverno dos virus causantes da gripe e a Covid-19 levou as Urxencias de todo o país a ficaren próximas ao colapso, especialmente nestas últimas datas, dado o ‘pico’ máximo de contaxios que a Consellaría de Sanidade estima moi próximo. Segundo o último parte do Sergas, difundido aos medios de comunicación na mañá deste mércores, nos hospitais públicos galegos atendéronse 2.898 urxencias de adultos na xornada do 2 de Xaneiro, das que 19,4% derivaron en ingresos en planta.
En canto aos pacientes pediátricos, atendéronse 624, dos que 3,6% ingresaron en planta. En total, o número de urxencias atendidas, de adultos e de pediatría, foi de 3.522, o que supón un 1% máis que o mesmo día do ano anterior. “Seguen, por tanto, baixando as urxencias pediátricas e aumentan levemente as de adultos respecto ao día 1, no que se atenderan 2.153 urxencias de adultos e 635 de pediatría”, precisan desde a Consellaría.
Porén, os pacientes do CHUS advirten que “non se aprecian” as medidas previstas no plan de continxencia. Este martes, apuntan, ao fío das 12.30 horas había “19 pacientes cualificados pola triaxe como graves” que permanecían “colocados nos corredores en cadeiras de rodas e padiolas” agardando ser atendidos. “Nese momento 53 persoas co ingreso asinado en planta ocupaban os espazos de traballo agardando por unha cama”, censuran.
Ás 14.30 horas os pacientes co ingreso asinado “seguían sendo 53”, ao tempo que “aumentaba o número de pacientes colocados nos corredores a 27”. E ás 20.20 horas, “14 pacientes, a maioría en padiolas, seguían colocados nos corredores de acceso e adxacentes”. Segundo a información publicada no Pulso do CHUS, o nivel de ocupación das camas neste tempo foi de 57%.
“Os xestores sanitarios, fronte a deteriorización das condicións da atención e a violencia estrutural que comporta colocar sistematicamente aos pacientes graves nos corredores de acceso, pasan da inactividade a unha aparente intervención política que se queda nunha aparición pública forzada polas queixas e as denuncias de pacientes e profesionais”, lamenta o colectivo.