Paco Zas converteuse este martes no cuadraxésimo segundo presidente da historia do Deportivo da Coruña tras impoñerse na Asemblea de Accionistas do club galego.
Zas releva na dirección do Deportivo a Tino Fernández, presidente da entidade branquiazul desde o 21 de xaneiro de 2014, día no que sucedeu a Augusto César Lendoiro.
Despois da Xunta de Accionistas, á segunda foi a vencida para Paco Zas, ex-xogador do Deportivo e vinculado a unha construtora, que apostará por unha liña continuista na sucesión de Tino Fernández.
Aos seus 57 anos, o director xeral da empresa Coinasa, accede a unha presidencia que xa buscara cando tiña 52.
Desde a súa fundación en 1906, o Deportivo tivo 42 presidentes e tres deles estiveron á fronte do club en dúas etapas distintas: Virgilio Rodríguez, Carlos Allones e Aurelio Ruenes. Ademais, entre 1936 e 1938, Ramón de Llano exerceu como xestor único do club.