Paiosaco contará en breve cun parque biosaudable

1 minutes read

O Concello da Laracha instalará este equipamento na zona da Porta Santa, nunha parcela de titularidade municipal moi próxima ao centro sociocultural da vila.

Este será o quinto circuíto biosaudable co que contará o Concello. Os outros catro que están operativos actualmente sitúanse na área recreativa de Gabenlle, parque Maximino Canedo (A Laracha), paseo marítimo de Caión e urbanización Monte Claro (Cabovilaño).

Os obxectivos fundamentais da presenza dos parques biosaudables son influír positivamente sobre as persoas maiores para conseguir cambios efectivos nos seus hábitos de vida, evitar o deterioro psicomotor coa práctica de actividade física e, entre outros, ampliar a oferta de instalacións deportivas que existe no termo municipal.