Paiosaco SD, campión da 38 edición do torneo ‘Concello da Laracha’ de peñas de fútbol

1 minutes read

A edición número 38 do campionato de peñas de fútbol “Concello da Laracha” xa ten gañador despois de que Paiosaco S.D. se impuxese na gran final a San Román Veteranos por 2-1. O partido disputouse na noite deste mércores no campo Municipal da Laracha.

Paiosaco S.D. baseou o seu triunfo na presión intensa que foron capaces de exercer durante a primeira metade, na que desactivaron o xogo combinativo de San Román Veteranos. Antes do descanso, o equipo da parroquia de Lestón xa vencía por 2-0 grazas aos tantos de Collazo, cun disparo desde fóra da área, e de Chucho, que superou ao porteiro rival na súa saída.

Na segunda metade o Paiosaco S.D. viuse prexudicado polas lesións de varios dos seus xogadores, reducindo a súa presenza en ataque e centrando o xogo en tarefas defensivas. San Román Veteranos trataron de impoñerse controlando a parcela central, pero con dificultade para xerar ocasións de gol. Aínda así, Mario estrelou un balón na madeira e nos minutos finais Musak marcou o 2-1 para os da parroquia de Cabovilaño que finalmente sería insuficiente.

A entrega dos trofeos do 38º Campionato de Peñas “Concello da Laracha” foi a cargo do tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e da edil de Deportes, Patricia Bello, a Otero por parte dos campións e a Javier Amorrortu polos subcampións.