Pais e nais do CEIP da Silva concentráronse contra o peche da cociña do centro

2 minutes read

Pais e nais do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro, de (A Silva-Cerceda) volveron concentrarse este venres contra o peche da cociña do centro e contra o que definen “afán de lucro da nova empresa concesionaria”, a firma coruñesa Jardanay.

“Ata este curso a cociña do centro estaba en funcionamento, cun equipamento moderno, e atendida por 2 profesionais comprometidas co seu traballo. Ademáis de para os 85 nenos e nenas do cole da Silva, preparaba outras 300 comidas para centros escolares da contorna. Sen embargo, en agosto a Xunta adxudicoulle o servizo a outra empresa, a coruñesa Jardanay, que decidiu de forma inxustificada pechar a cociña e traer a comida transportada dende as súas instalacións na Coruña”, explican dende a ANPA do CEIP Celso Emilio Ferreiro.

O cambio supuxo unha importante perda na calidade da comida, ata o punto de que a maior parte dos alumnos teñen que comer de novo ao chegar ás súas casas. “Estase poñendo claramente en risco a saúde dos nosos fillos, cunha comida que non cumpre as condicións, pois do contrario non se entende que a maior parte das veces os nosos fillos non a coman, cando antes isto non ocorría. Ademáis, todos os alimentos veñen plastificados, algo que conseguíramos desterrar cando se cociñaba no centro, e tamén hai que lembrar que se suprimen dous postos de traballo nun entorno rural, tan necesitado de frear a perda de poboación”, reclaman dende a ANPA.

As reclamacións dos pais e nais, así como da directiva do centro, para que Jardanay mantivera aberta a cociña, tal e como se recollía no prego de condicións da Xunta de Galicia para adxudicar o servizo, foron desoídas ata o de agora. “Dende Jardanay esíxennos que para reabrir a cociña o centro pague a electricidade, o transporte dos alimentos, as reformas, as compras de electromésticos que haxa que facer…etc. Un auténtico abuso”, denuncian os pais.

Ante esta situación, demandan á Consellería de Educación da Xunta de Galicia, como responsable da adxudicación, e á empresa Jardanay, como adxudicataria, que reabran a cociña do CEIP Celso Emilio Ferreiro. “Os menús que se están ofrecendo aos nosos fillos e fillas non son de calidade nin moito menos cantidade, e non merecen seguir sufrindo esta situación”, reclaman.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?