Pais e nais do colexio carballés Xesús San Luis Romero acuden á Valedora do Pobo

1 minutes read

Un grupo de pais e nais do Colexio Xesús San Luis Romero presentou este xoves unha denuncia formal ante a Valedora do Pobo de Galicia. Nesta denuncia, expoñen detalladamente os incumprimentos por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e describen en profundidade a problemática que actualmente enfronta o colexio, en relación cos recortes anunciados pola Consellería para o vindeiro curso.

«O Colexio Xesús San Luis Romero, un pilar fundamental na nosa comunidade educativa, vése ameazado polos recortes propostos pola Consellería de Educación. Estes recortes, lonxe de contribuír ao desenvolvemento dunha educación de calidade, poñen en risco a infraestrutura, o benestar docente e a aprendizaxe dos nosos fillos e fillas», afirman.

A denuncia presentada detalla os incumprimentos da Consellería de Educación. Do mesmo xeito, destácase a falta de diálogo e participación na toma de decisións, o que deixou pais, nais, profesores e alumnos nunha situación de incerteza e preocupación.

Os pais e nais asinantes desta denuncia instan á Valedora do Pobo a investigar en profundidade esta problemática e vixiar polos dereitos dos seus fillos e fillas a recibir unha educación de calidade nun entorno seguro e propicio para o seu desenvolvemento integral.

«Esiximos á Consellería de Educación da Xunta de Galicia que reconsidere os recortes propostos e busque alternativas que non comprometan a excelencia educativa que merecen os nosos fillos e fillas», conclúen.