O Grupo Palimoquiños e Cía, de Lugo, foi o gañador do primeiro premio do Xuventude Crea 2020 na categoría Teatro, unha das catorce especialidades do certame. A Xunta de Galicia afronta a recta decisiva do programa para creadores noveis Xuventude Crea 2020, que na edición deste ano bateu récord de participantes con 486 mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 30.
O equipo gañador realizou unha adaptación de Os miserables, a novela de Víctor Hugo. O segundo galardón foi para o grupo Lohengrin Teatro, de Vigo, pola súa representación de Coa mirada nas túas mans; e o terceiro para o grupo Farándula Velutina, de Corcubión, por Animais de Compañía. A categoría Teatro é unha das catorce especialidades do certame xunto con Artes plásticas —Escultura e Pintura—, Banda deseñada, Cociña, Danza moderna, Deseño de xoias, Poesía, Videocreación Fotografía, Graffiti, Moda, Música e as dúas novas disciplinas que incorpora este ano o programa: Novela curta e Creación de videoxogos.
Así mesmo, xa están programadas as datas e lugares de celebración do resto das fases finais nas distintas modalidades do Xuventude Crea. Todas elas se dilucidarán ao longo do vindeiro mes de novembro, a falta de que se peche definitivamente cando e onde terá lugar a final da categoría de Creación de videoxogos.