Pancho Casal | “O das residencias privadas en Galicia foi un atentado contra os dereitos humanos”

1 minutes read

O candidato á presidencia da Xunta pola Marea Galeguista, Pancho Casal, mantivo unha xuntanza con familiares de usuarios da residencia DomusVi de Aldán, en Pontevedra, acompañado da cabeza de lista pola provincia, Peque González, onde afirmou que «O que pasou en Galicia coas residencias privadas foi un auténtico atentado contra os dereitos humanos». Casal anunciou que o primeiro que farán no novo Parlamento tralas eleccións será «constituír unha comisión parlamentaria para dilucidar as responsabilidades políticas derivadas da situación das residencias privadas en Galicia durante a pandemia». Os familiares dos usuarios, algúns deles falecidos nos últimos meses, sinalaron o «evidente incumprimento de protocolos de seguridade e de ratios de persoal». «É absolutamente indignante que a propia directora da residencia de DomusVi de Aldán nin sequera soubera dicir cantos foran os residentes falecidos durante a pandemia», afirmaron.