Pandemia descontrolada en Galicia | 3.100 novos contaxios confirmados nun só día

2 minutes read

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, Galicia suma 3.100 novos contaxios confirmados nun só día. Con este dato, volve alcanzar o seu máximo dende o inicio da pandemia.

A área sanitaria da Coruña encabeza a cifra de positivos con 638, unha marca que non acadara nin sequera na vaga do inverno pasado sendo unha das áreas máis afectadas. Daquela o pico máximo fora de 549 casos nun día.

Vigo computou nas últimas horas 636, cifra á que tampouco chegara antes. Santiago segue subindo ata os 545. Desde principios de semana case multiplicou por 4 o número de casos diarios. 

Ourense tampouco é allea ó empeoramento da situación. Hoxe computa 434 casos novos e Pontevedra 370, tamén superan as marca máis alta que tiñan. Igual ca Lugo, con 276, e Ferrol con 201. 

Na actualidade Galicia conta con 22.349 casos activos, 2.087 máis ca na xornada anterior e moi preto dos 22.911, o pico máis alto de toda a pandemia. 

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.