Partido amigable | Vitoria do Calvo Xiria ante un gran BM Culleredo

Cedida.

  • Encontro disputado este xoves no Pavillón Municipal Vila de Noia ante uns 75 afeccionados.

Nos primeiros intres de encontro o Calvo Xiria non estivo todo o intenso que debería, sobre todo na circulación de balón e nos diferentes lanzamentos dos que dispuxo, e iso sumado a gran actuación do gardameta visitante fixo que os culleredenses fosen por diante no marcador durante este treito inicial, aínda que sempre cunha vantaxe máxima dun gol.
Pasaban os minutos e un Culleredo que amosou un gran nivel dende o pitido inicial, seguía dando mostras de estar moi cómodo sobre a pista, algo que obrigou aos carballeses a solicitar un tempo morto, o cal non fixo demasiado efecto posto que os visitantes aumentarían a súa vantaxe a diferenzas de tres e catro goles.
Coa entrada de Gabriel Castiñeiras á pista, o Calvo Xiria mudou a súa faciana en facetas ofensivas mentres que no labor defensivo non acababa de coller a dinámica do todo axeitada pero aínda así, o bo facer de Gabriel sumado ao gran nivel amosado por Álex Gómez fixeron que o partido se igualase e que se chegase ao descanso co 14-13 no luminoso.
O cambio do Calvo Xiria tralo paso por vestiarios foi notable en todas as facetas do xogo e iso fixo que a vantaxe se fose aos catro goles, algo que fixo que o BM Culleredo solicitase un tempo morto para tratar de cortar a dinámica que estaba a coller o encontro.
A defensa dos carballeses, coa axuda de Rökkvi, estaba a mostrarse moito máis infranqueable e o ataque cunha maior fluidez o que fixo que as diferenzas no marcador fosen aumentando ata os sete goles, momento no que o técnico visitante solicitase un novo tempo morto.
Pero como viña mostrando tralo tempo de lecer, o Calvo Xiria non sacaría o pé do acelerador e lograría unha máxima de +10.
No treito final, as intervencións do gardameta visitante e un maior acerto en ataque permitiríalle ao Culleredo que os carballeses non se fosen en exceso e que o encontro finalizase co definitivo 34-25.