Partidos importantes de balonmán para o Calvo Xiria

dpm.

1ª Nacional masculina:

O sábado ás 20:00, no Vila De Noia, o Calvo Xiria necesita á súa afección, para enfrontarse ao Magope Seis Do Nadal Coia. Deberá facer un bo encontro o Calvo Xiria, vixiar o balance defensivo diante do contrataque rival; defender ben as situacións de esvaramento do pivote, ante as circulacións de primeira liña. O obxectivo, é lograr dous novos puntos e seguir aspirando aos postos de cabeza. E é que este mes de febreiro preséntase emocionante.

1ª Autonómica Feminina:

O Goldie Xiria Carballo Turismo, recibirá este próximo sábado ás 18:00 h no pavillón do CEIP Fogar ao Conservas Boya Encaixe BM. Camariñas, no que será o segundo derbi da tempada entre carballesas e camariñás. As mozas do Goldie Xiria, tentarán conseguir dous novos puntos que as afiancen pola loita desa sexta praza que está ao alcance e para iso terán que mellorar as prestacións defensivas e sobre todo, no ataque posicional. O obxectivo, ademais de sumar unha vitoria, pasa por terminar o partido con mellores sensacións que a pasada semana en Vigo, mellorando o xogo e mostrando un bo balonmán.

División de Honra Feminina:

O Punta Del Este Xiria infantil e o Hierros Varela Urbieta cadete, viaxan este sábado a Redondela para xogar fronte a SAR Ledisson A. As primeiras en sair a escea serán as infantís de Xiria (11:00h) e as segundas as cadetes (12:15), ante dous equipos, os de Redondela, aos que as bergantiñás desexan facer fronte e porque non, poder impoñerse en ambos os duelos. Para iso, a concentración e a regularidade ao longo dos minutos de xogo será esencial, do mesmo xeito que evitar os erros non forzados que ofrezan ocasións claras ao rival. Os partidos xogaranse no pavillón A Marisma.

División de Honra masculina:

Tócalles viaxar, aos 3 equipos xuntos; farano o domingo a Cangas, ao mítico pavillón do Gatañal, para enfrontarse ao Luceros. Ás 10:00 abre a xornada o Grupo Lemaco Xiria, que xoga contra un dos favoritos; espera seguir na liña competitiva da última xornada buscando ser máis regulares. Ás 11:30 será a quenda para o Laber Xiria, que segue con algunha baixa, pero que ten que atopar o equilibrio defensa-ataque e ser competitivos ante un rival directo. Termina a xornada á 13:00; o Garaysa Xiria, será un bo partido entre dous rivais con obxectivo similar, e que o Xiria, espera seguir na liña da excelente tempada realizada ata o de agora.

2ª División infantil masculina:

O Metalúrxica BB Xiria, ten dobre xornada a domicilio esta fin de semana. O sábado ás 11:00 no pavillón Novo Mesoiro, enfróntase a Línea 21, de lograr a vitoria, seguiría a loita polo segundo posto. E o domingo ás 10:30, no pavillón Quiroga Palacios, enfróntase ao Bm Ribadosar.es, líder invicto da categoría; buscará a dar a sorpresa ante o rival máis difícil.

Alevín Feminino BM7:

As nenas do Gestagua Xiria desexan continuar ca súa progresión particular de xogo en BM7. O sábado terán unha nova oportunidade para demostralo, no partido ante o BM. Lucus parrillada Abel. O partido disputarase no pavillón do CEIP Fogar o sábado as 11:00h.