O buque Ártabro, que tratará de localizar e inspecionar os restos do Villa de Pitanxo, partiu a primeira hora da tarde deste mércores do porto de Vigo.
Contra ás 14:45 o barco abandonaba o peirao vigués con destino ás augas de Terra Nova, no Canadá, onde en febreiro de 2022 afundía o pesqueiro galego, nun naufraxio no que morreron 21 dos 24 mariñeiros que ían a bordo.
A saída do barco de inspección foi comunicada este mércores á mañá ás familias desas 21 vítimas, e chega despois de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana formalizase con ACSM Shipping o contrato de baixada ao pecio.
Así, este martes o Ministerio enviaba finalmente o contrato á empresa adxudicataria e, unha vez asinado, informouse á Audiencia Nacional coa intención de que este mesmo mércores puidese saír cara a augas canadenses «para a operación de localización e toma de imaxes» do pesqueiro.