- PSOE e BNG votaron a favor, pero o plan non contou co visto e prace do PP nin dos dous non adscritos
Duro golpe ao goberno local de Muxía, pero tamén aos seus veciños, tras non aprobarse o POS+2022. No pleno celebrado este mércores a suma dos votos dos tres concelleiros socialistas (equipo de goberno) xunto co único representante do BNG, Carlos Fernández Concheiro, non foi suficiente para dar luz verde a un Plan de Obras e Servizos que ascendía a 800.000 euros. Votaron en contra desta proposta os tres integrantes do PP e dous dos non adscritos, os exsocialistas Mónica Vilela e Manuel Caramés.
O pleno foi intenso e, como xa vendo sendo habitual en Muxía, polémico. As acusacións por ambas partes empañaron unha sesión que non chegou ao seu fin con todos os concelleiros cos que comezou posto que tras a votación do POS a oposición decidiu abandonar o salón de plenos.
O rexedor, Iago Toba (PSOE), manifestou o seu enfado e indignación tanto na sesión extraordinaria coma nas súas redes sociais tras ver como «tránsfugas e PP de Muxía se unen sempre para quitarlles aos muxiáns e muxianas o que é deles». O alcalde tamén destacaba na mañá deste xoves que a oposición esixía a obra do vial Labexo-Armear, a segunda fase do saneamento ao núcleo de Frixe e a execución dos camiños interiores de Sorna; «todas elas incluídas no POS proposto polo grupo de goberno pero que non foi suficiente para contar co voto a favor da oposición». Sen embargo, a portavoz popular, Sandra Vilela, recriminou a Toba que non contase cos membros da oposición para elaborar a proposta do Plan de Obras e Servizos sabendo que goberna en minoría.
Este venres é o último día para elevar a proposta de actuacións á Deputación da Coruña e semella que a historia podería repetirse ao igual que acontecera en Ponteceso o pasado ano cando, tras non chegar a un acordo, o ente provincial concedera un novo prazo para debater de novo o programa de intervencións e, no caso de aprobalo, remitir toda a documentación á Deputación para non perder unha axuda moi necesaria.
Comunicado do goberno local
O Concello de Muxía, a través da Alcaldía, enviou un documento oficial aos implicados neste bloqueo para que poidan presentar un POS alternativo, antes das 23:59 horas deste xoves, e que será aprobado polo grupo de goberno «sen poñer trabas nin condicións algunha». O equipo socialistaa considera que calquera obra ou intervención para Muxía é positiva e por iso «antepón os intereses da veciñanza a calquera outros, aínda que a oposición, coa súa actitude, parece non ter en conta os intereses veciñais».
Unha vez se presente ese POS alternativo e sexa aprobado polo grupo de goberno, desde a Alcaldía encargaranse de coordinar, xunto coa Deputación da Coruña, todos os trámites necesarios para ampliar o prazo de presentación da documentación que terá que ser enviada antes das 15:00 horas deste venres.
O equipo de goberno destaca que a pesar da súa indignación por esta situación de «bloqueo continuo» pon este Plan Único «nas mans da oposición» xa que considera máis importante a mellora das infraestruturas e a calidade de vida dos veciños que outros intereses políticos ou persoais.
Mira aquí o pleno completo.