Patricia Iglesias Rey, deputada socialista no Parlamento galego, reuniuse con persoas afectadas de cara a reclamar na cámara un autobús directo entre Bergantiños e a zona hospitalaria da Coruña
A parlamentaria socialista reclama unha liña de bus adaptada «ás quendas do persoal que traballa no CHUAC e tamén os pacientes que son atendidos». «Hoxe hai 287 persoas xa que apoian esta demanda», indica.
«A maioría sabemos que ten que utilizar o coche particular porque o transporte público é absolutamente nefasto e non ofrece unha conexión real co hospital», explica Iglesias.
«Isto supón, evidentemente, máis custos para as familias, incluídas tamén as peaxes que hai que pagar na autovía da Costa da Morte, na AG-55, que é da Xunta de Galicia, entre o tramo de Carballo e Coruña», lamenta a deputada.
Iglesias salienta que «esta reivindicación leva enriba da mesa desde 2023, e a Xunta mirando para outro lado». «Dende o Partido Socialista de Galicia pedimos que o goberno galego do Partido Popular actúe e faga un estudo de viabilidade é un servizo piloto adaptado as quendas», engade.
«Non pedimos un autobús máis, pedimos aforro para as familias, menos contaminación, un transporte público digno que funcione na comarca de Bergantiños e vertebre esa comarca tan esquecida pola Xunta de Galicia», conclúe.
