Patrimonio require máis documentación sobre o túnel de Elduayen ata o Barrio do Cura en Vigo


A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, vén de informar ao Concello de Vigo da necesidade de aportar máis documentación para poder informar sobre a solicitude do proxecto de prolongación do túnel desde o final da rúa Elduayen ata o novo vial do Barrio do Cura.

Así, o departamento autonómico responde ao documento achegado polo Concello sobre a ampliación do soterramento do tráfico, proxecto que ten relación con outros dous de execución en curso no centro da cidade. Por unha banda, o soterramento rodado na Porta do Sol, coa construcción dun túnel urbano desde Policarpo Sanz, e por outra, a futura reforma urbana do Barrio do Cura.

O informe de Patrimonio sinala que coincide coa versión do Concello, xa que arqueóloga municipal xa expresa o carácter BIC dos restos da muralla entre a rúa Elduayen e o Paseo de Alfonso XII e a conveniencia da súa conservación in situ, xa que “a entidade dos restos empeza a ser importantes” e sería necesario “empezar a formular posibles alternativas para compatibilizar a súa conservación co proxecto de prolongación do túnel”.

Ademáis, a Direccion Xeral require xustificacións sobre a adecuación das modificacións no eixe viario Porta do Sol-Elduayen-Paseo Alfonso XII ás actuacións contempladas na ficha do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello (Pepri). Tamén indica que que “se deberá detallar e xustificar” a intervención que modifica a configuración do Miradoiro, crea novos espazos verdes e suprime parte da rúa Poboadores.

Tamén indica que o Kiosco ten un nivel de protección ambiental que non contempla o desprazamento, polo que “calquera xustificación baseada na recuperación do ben na súa ubicación orixinal deberase apoiar na documentación histórica que a corrobore, e dar conta das características construtivas do elemento e das posibilidades da súa desmontaxe e posterior montaxe sen afectar as distintas partes que o conforman”.