Patxi López iniciou en Cee a precampaña socialista da Costa da Morte


O voceiro socialista no Congreso dos Deputados, Patxi López e o secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández, participaron este domingo na presentación dos candidatos socialistas ás alcaldías das comarcas de Soneira, Fisterra e Carnota. O acto celebrouse no auditorio da casa da Cultura de Cee, nunha sala repleta de público. Temas como a reivindicación dunha Sanidade Pública xusta ou o da autovía continúan a ser motivos de loita para os candidatos de Corcubión, Camariñas, Dumbría, Carnota, Vimianzo, Muxía, Fisterra e Cee.

O secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández, destacou que a presentación destes oito candidatos, todos eles xa alcaldes e alcadesas, “dan unha boa mostra do músculo que o partido ten na Costa da Morte, pero o que é máis importante, demostra a importancia que para os veciños e veciñas desta comarca ten o Partido Socialista”.

Patxi López, afirmou sentirse orgulloso do “cinto vermello” que forman os concellos do sur da comarca porque “cando gobernamos os socialistas estes alcaldes e alcaldesas e os seus concelleiros peléxanse polos seus veciños e veciñas e por sacar adiante aos seus municipios fronte ao abandono que sofren por parte da Xunta”. “Só haberá dúas posibilidades despois das eleccións municipais, ou gobernamos os socialistas ou goberna a dereita xunto á extrema dereita. Ou goberna o progreso ou goberna o retroceso neste país”, insistiu o voceiro socialista no Congreso.