Pavimentada en Caión a nova estrada que une a rúa do Carme coa avenida Méndez Núñez

1 minutes read

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, acudiron este luns a Caión para presenciar in situ os traballos de pavimentación con aglomerado asfáltico da nova vía que enlaza a rúa do Carme coa Avenida Méndez Núñez.

Trátase dunha das últimas actuacións que restaban por executarse do proxecto de urbanización parcial do Campo da Insua. Ademais da apertura da nova estrada, neste lugar foron creadas beirarrúas a ambas marxes da calzada, aparcamentos públicos, novas redes de abastecemento de auga, saneamento e recollida de pluviais e as canalizacións soterradas dos servizos eléctricos, telecomunicacións e iluminación pública. Unha vez realizada a pavimentación, o proxecto concluirase coa sinalización viaria, o acondicionamento de zonas axardinadas, a instalación dos báculos do alumeado público e a eliminación de dous postes do tendido eléctrico, xa que o cableado será canalizado baixo terra.

O Concello da Laracha financia integramente con fondos propios municipais esta actuación, valorada en 258.000 euros, e que se está a executar a carón doutra obra de gran envergadura como a de creación do Centro Comunitario “Costa da Morte”, un novo edificio público de referencia para a vila no que serán investidos 1,2 millóns de euros.