Máis bocas eruptivas e máis explosións. As coadas de lava multiplícanse e a explosividade séntese aínda máis na illa. Ademais súmase o aumento da expulsión de material piroclástico. Houbo tamén máis evacuacións. As dúas novas bocas que se abriron o venres uníronse nunha, cunha nova coada, que transcorre moi rápido debido á súa alta temperatura porque provén de partes máis internas da caldeira e a lava flúe con máis facilidade.
Con todo, ao longo deste sábado foise retardando a súa velocidade tal como ocorreu coa coada xurdida ao comezo da erupción. A nova coada percorreu uns 1.000 metros mentres que a cabeza da lingua de lava emerxida polo volcán desde o pasado domingo atópase a 2,1 quilómetros da costa, polo que aínda non se produciu a súa temida chegada ao mar.
Todos os voos previstos para este sábado foron cancelados. Os traballadores do Aeroporto levan limpando os máis de 250.000 metros cadrados que cubriron as cinzas. Os pasaxeiros só poden saír da illa por mar ou esperar a que salga un avión cando a pista estea despexada.