Pechada de novo a investigación do accidente de Angrois con dous imputados


O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago pechou de novo a investigación do accidente do tren Alvia, ocorrido o 24 de xullo de 2013 no barrio compostelán de Angrois. O seu titular, Andrés Lago, mantén que a causa se siga contra o maquinista e contra o director de seguridade na circulación do Adif no momento da posta en funcionamento da liña, por se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos de 88 delitos de homicidio por imprudencia profesional grave e de 144 de lesións.

O instrutor acorda, no auto notificado este martes, que se dea traslado á Fiscalía e, no seu caso, ás acusacións particulares, para que en 10 días formulen escrito de acusación “solicitando a apertura de xuízo oral ou o sobresemento da causa”, informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). É a terceira vez que este maxistrado (o segundo encargado de investigar a causa) dá por pechada a instrución.