- A Unidade de Coidados Intensivos mantense fóra de servizo logo de que a dirección do centro ordenase baleirar o espazo e trasladar a reanimación os dous enfermos de coronavirus que estaban ingresados.
O persoal da unidade fixo público o seu asombro e amosou a súa «indignación» ante unha decisión que a xerencia do hospital xustificoulles na diminución do número de ingresos de pacientes críticos pola Covid-19 e na suposta idoneidade do momento para realizar as obras de mantemento. Pola súa banda, a entidade que defende os intereses da enfermería precaria en Galicia asegura que «Estas políticas de uso tomadas polo órgano de administración hospitalario non respectan as normas do plan específico de contixencia fronte ao coronavirus redactado polo Sergas para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés». Segundo explica persoal de enfermería do centro nun comunicado, a falta deste tipo de instalacións provocou a modificación doutras unidades análogas dentro do propio complexo hospitalario, a creación de novas unidades de similares características dentro do centro ou o traslado de pacientes a outras unidades de UCI de xestión privada como as do Hospital Quirón, que serían «mostras significativas da saturación dos hospitais pertencentes á área sanitaria».