Este sábado pechábase a segunda edición do ciclo de intercambios lingüísticos en liña entre Carballo e L´Isle Jourdain 2021/2022. Dado que o pasado 5 de xuño se celebraba o día mundial do Medio Ambiente ese foi o tema de conversación para poñer broche a este ciclo de encontros que se inicia e remata co calendario escolar.
Ao longo deste último ano, dende o comité carballés, ademais do intercambio lingüístico en liña, promovéronse diferentes actividades culturais: club de conversación, club lectura francófona, obradoiros de cultura francesa para as crianzas, contacontos en galego/francés.
Durante a reunión virtual falouse tamén de proxectos futuros de intercambio como semanas culturais e a desexada viaxe de intercambio entre as dúas vilas para 2023 despois de que a pandemia obrigara a anular o intercambio previsto a principios de xullo de 2020.
O Comité de irmanamento carballés anima á poboación á que lles faga chegar unha chuvia de ideas sobre «Que actividades lles gustaría facer no seo do Irmanamento» vía email a info@carballo-lisle.org ou vía facebook a www.facebook.com/jumelagecarballolisle/