A Consellería de Sanidade ordenou o peche completo da hostalería e a suspensión de actividades non esenciais en tres municipios: Arteixo, Viveiro e Xinzo, municipios de máis de 10.000 habitantes que preocupan os expertos de forma especial porque presentan unha incidencia por encima dos 1.000 casos por 100.000 habitantes a 14 días.
Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que compareceu en conferencia de prensa para informar sobre as decisións tomadas este luns no seo do comité clínico de expertos que asesora a Xunta en materia de coronavirus.
Ademais Sanidade decretou a suspensión de todas as competicións deportivas federadas de ámbito autónomico. Polo momento mantéñense as de ámbito estatal.
No que ten que ver cos adestramentos, poderanse facer con carácter individual ou en grupos de como máximo catro persoas, e respectando as limitacións de toque de recollida e peches perimetrais que se veñen aplicando.
Para os vestiarios de ximnasios haberá instrucións concretas que se definirán na orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que entrará en vigor na noite do mércores ao xoves, e que serán relativas principalmente ás ocupacións destes espazos, que se reducirán, e á prohibición do uso das duchas.