O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, realizou este xoves unha visita institucional ao Concello de Vimianzo, onde mantivo un encontro coa alcaldesa do municipio, Mónica Rodríguez, con quen repasou os distintos proxectos no municipio.
Na súa visita desprazáronse ata o centro social da localidade no que se prestan distintos servizos municipais e que acolle a varias organizacións locais. A alcaldesa trasladoulle ao delegado o proxecto de rehabilitación enerxética que contempla o Concello para este edificio e que queren presentar a distintas convocatorias públicas para obter apoio económico estatal na súa execución.
Pedro Blanco interesouse por este proxecto e reiteroulle á alcaldesa a importancia de fortalecer a cooperación entre administracións na prestación de servizos públicos de calidade e solucións aos problemas da xente, sobre todo nos pequenos concellos, como é o caso de Vimianzo.
Posteriormente, ambos se trasladaron á Casa do Concello onde mantiveron unha reunión de traballo xunto con outros membros do Goberno local. Nesta reunión repasaron outros exemplos de colaboración do Goberno no municipio como a renovación das instalacións de iluminación exterior, a extensión da banda larga e a dixitalización dos servizos públicos.
Empresa Gerca
Durante a xornada o delegado do Goberno e alcaldesa trasladáronse ao polígono de Vimianzo para coñecer de primeira man os proxectos nos que traballa agora a empresa Gerca. Unha firma, centrada no sector da carpintería metálica e con máis de 25 anos de experiencia, un referente industrial da Costa da Morte.