O Partido Popular encara a recta final da campaña electoral con varios actos. Este mércores 24 de maio a partir das 19h, a candidata Paula Mouzo e o seu equipo realizarán unha visita a Arou. Na contorna da praia presentaranse as propostas para esta localidade e despois realizarase unha visita por esta zona, na compaña do voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy Fraga. As 21h, Puy Fraga e Paula Mouzo intervirán nun mitin que terá lugar en Camelle, no centro cultural Casa de Man.
O xoves 25, terá lugar o último mitin da campaña. Desde as 9 da noite na Casa de Pedra da capital municipal coa intervención da candidata e da Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle.
O venres 26 haberá unha pegada simbólica de peche de campaña en varios puntos do municipio. Esta campaña dos populares arrancou cun acto de presentación en Camariñas, onde estivo presente a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, unha andaina de posta en valor da Ruta dos Muíños en Ponte do Porto, coa asistencia da Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez e outro acto na área recreativa do Ariño-Xaviña no que estivo o secretario xeral provincial do PP e voceiro na Deputación, Evaristo Ben Otero.
“Fixemos unha campaña na que apostamos por varios actos ao aire libre para poñer en valor os nosos recursos e varios espazos cun gran potencial. Envoltos nun aire limpo que agardamos que entre no concello de Camariñas a partir do domingo”, declarou Paula Mouzo Más.