Pedro Sánchez, convocou a unha reunión o vindeiro luns ao presidente do PP, Pablo Casado, e á portavoz de Cs, Inés Arrimadas, tras recibir este mércores o encargo do rei para someterse á investidura.
Nunha comparecencia no Palacio da Moncloa, Sánchez agradeceu o encargo do rei, e pediu responsabilidade e «altura de miras» a todos os grupos políticos. Sánchez tamén anunciou que a portavoz do grupo socialista, Adriana Lastra, convocará a todos os partidos políticos do Congreso, incluídos Vox e a EH Bildu, cos que ata o de agora non se reuniu.
Tamén avanzou que terá contactos con todos os presidentes autonómicos, entre eles o da Generalitat, Quim Torra, e co presidente da FEMP, Abel Caballero. Trátase, dixo, de ver «se podemos atopar unha maioría máis ampla que permita lograr canto antes un goberno».
Ademais, Sánchez recalcou que o seu propósito é que haxa un «goberno progresista reforzado por un acordo de coalición e cun espírito dialogante». E asegurou que os españois están «fartos de leas e choques estériles» e queren volver á política.