Pedro Sánchez advirte a Rusia de ‘consecuencias masivas’ se invade Ucraína


Pedro Sánchez advertiu este mércores a Rusia que haberá «consecuencias masivas» e «sancións gravísimas» por parte da Unión Europea se intervén en Ucraína. O presidente do Goberno español fixo esta advertencia coincidindo cunha visita a Madrid de Sanna Marin, a primeira ministra de Finlandia, un país en primeira liña desta crise, entre outras cousas, porque comparte 1.300 quilómetros de fronteira con Rusia.

Pedro Sánchez non fixo mención ás divisións políticas internas, mesmo cos seus socios do Goberno, Unidas Podemos, respecto a participación de España no despregamento disuasorio da OTAN no leste de Europa. Nese contexto, España ofreceu enviar cazabombardeiros a Bulgaria e adiantou a incorporación da fragata Blas de Lezo á frota aliada no Mar Negro.

O Exército español tamén ten estacionados 346 militares e vehículos de combate en Letonia, a un centenar de quilómetros da fronteira rusa. O Goberno defende que esas operacións xa estaban previstas no marco da Alianza Atlántica.