Pedro Sánchez anuncia 16.000 millóns en axudas directas

2 minutes read

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, avanzou este luns algunhas liñas mestras do plan de choque de resposta á guerra en Ucraína que aprobará este martes o Consello de Ministros, baseado en axudas económicas para consumidores e empresas co fin de amortecer os efectos do conflito. O paquete de medidas, que estará en vigor ata o próximo 30 de xuño, inclúe un total de 6.000 millóns de euros en axudas directas e rebaixas de impostos, con bonificacións para a gasolina ou límites na subida dos alugueiros, aos que se sumarán ata 10.000 euros en créditos ICO para aliviar a carga do tecido produtivo. Sánchez tamén explicou que se vai a estender o bono eléctrico social a outras 600.000 familias, co que chegará a case dous millóns de fogares, ademais dunha bonificación mínima de 20 céntimos en cada litro de combustible para todos os cidadáns.

Outras axudas

  • Nova liña de avais de créditos ICO por 10.000 millóns de euros para cubrir necesidades de liquidez provocadas polo aumento temporal do custo da enerxía e os combustibles.
  • Esténdese o prazo de vencemento dos préstamos avalados polo ICO e o prazo de carencia para os sectores máis afectados.
  • Paquete de axudas de 362 millóns de euros para o sector da agricultura e a gandería, e outro duns 68 millóns, para o pesqueiro.
  • Para a industria gran consumidora de enerxía, 500 millóns de euros para compensar as peaxes nun 80%, alcanzar o máximo na compensación do CO2 e reforzar as axudas directas ao sector.
  • Haberá outras axudas e medidas adicionais específicas para o sector industrial, o sector exportador e o da cultura.
  • O sector do transporte beneficiarase da rebaixa mínima de 20 céntimos de euro por litro ou quilo de combustible.
  • Novo fondo de 450 millóns de euros para axudas directas ás empresas de transporte de mercadorías e de pasaxeiros, en función do tipo de vehículo: 1.250 euros por camión, 900 por autobús, 500 por furgoneta e 300 por taxi, VTC ou ambulancia.
  • Acúrtase de tres a un mes o prazo de devolución do imposto sobre Hidrocarburos.
  • Compromiso de aprobar unha lei que permita aos transportistas traballar cun prezo xusto, como o Goberno fixo con agricultores e gandeiros coa Lei de Cadea Alimentaria.
  • Novo Plan Nacional de Ciberseguridade con máis de 150 actuacións esenciais, dotado con 1.020 millóns de euros.
  • Fortalecemento da seguridade das novas redes de comunicacións electrónicas 5 G.