Remodelación do Goberno en España


  • Intúese que os cambios pretenden dar un novo impulso ao final da pandemia e para a recuperación.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, realizou este sábado unha profunda remodelación do Executivo, quen comunicou os cambios ao rei na Zarzuela. As saídas da vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, do ministro de Fomento, José Luis Ábalos, e do xefe de gabinete, Iván Redondo, son as principais novidades. Pero ademais, tamén abandonan as súas carteiras a ministra de Exteriores, Arancha González Laya; a de Educación, Isabel Celáa, o ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo; o ministro de Cultura e Deportes, José Manuel Rodríguez Uribes; e o de Ciencia, Pedro Duque, mentres que a saída de Calvo fará que Nadia Calviño asuma a vicepresidencia primeira, Yolanda Díaz a vicepresidencia segunda e Teresa Ribera, a terceira.

Incorporacións

A presidenta do Senado, Pilar Llop, incorpórase á fronte da carteira de Xustiza, mentres que Félix Bolaños, ata o de agora secretario xeral da Presidencia, ocupará o Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática. A alcaldesa de Puertollano, Isabel Rodríguez, será a nova portavoz do Goberno en lugar de María Jesús Montero e asumirá a carteira de Política Territorial e Administración Pública que deixará libre Miquel Iceta, quen se situará á fronte de Cultura e Deportes. Tamén se incorporan ao gabinete a alcaldesa de Gandía, Diana Morant, quen relevará a Duque á fronte do Ministerio de Ciencia e Innovación; a alcaldesa de Gavá, Raquel Sánchez, quen asumirá Transportes; a delegada do Goberno en Aragón, Pilar Alegría, nova ministra de Educación; e o ata o de agora embaixador en Francia, José Manuel Albares, novo ministro de Asuntos Exteriores.