O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, forzou un receso na reunión do Consello Europeo tras amosar o seu enfado polas filtracións que o acusaban de estar disposto a vetar as conclusións. Sánchez abandonou a sala molesto por un chío que se facía eco de que España podía vetar o acordo por non incluír as súas demandas. Pero Pedro Sánchez, na posterior conferencia de prensa co seu homólogo portugués Antonio Costa, asegurou que a filtración era enganosa porque en ningún momento España pretendeu exercer ese veto. Insistiu en que a xuntanza foi intensa pero sempre construtiva.
Polo tanto, os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea (UE) acordaron recoñecer a España e Portugal como unha «illa enerxética», o que permitirá reducir o prezo do gas inmediatamente e repercutirá directamente no da electricidade. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, viña reclamando nos últimos días que os Vinte e sete tomasen en conta a situación especial da Península Ibérica en materia enerxética e, tras un tenso debate, e ante a negativa de países como Alemaña ou Países Baixos, conseguiuse finalmente este obxectivo.
«Por fin recoñécese a singularidade da Península Ibérica na política enerxética europea», recalcou Sánchez ao termo do encontro, onde compareceu xunto ao primeiro ministro portugués, António Costa, para simbolizar a unidade de criterio dos dous países nas súas demandas. Trátase dunha medida «excepcional e temporal», dixo Sánchez, que deberá contar coa aprobación final da Comisión Europea. «A principios de semana enviaremos a proposta á Comisión e, a partir de aí, temos o compromiso de poder actuar de maneira inmediata», concluíu.