O presidente do Goberno avogou no Congreso dos Deputados pola transparencia e a rendición de contas. Ademais, sinalou como prioridades o acceso á vivenda e a cogobernanza coas comunidades autónomas.
Na sesión de control ao Executivo celebrada no Congreso, Pedro Sánchez vinculou a súa chegada á Moncloa ao obxectivo de «desterrar a corrupción da política». «Este é un Goberno implacable contra a corrupción e incompatible coa corrupción», dixo na súa resposta ao deputado Alberto Núñez Feijóo, do Grupo Parlamentario Popular.
Sánchez engadiu que o seu Goberno «combate a corrupción cara a cara e faino non con discursos baleiros», senón «con feitos e accións». En concreto, referiuse á colaboración coa xustiza, á «transparencia e rendición de contas» a través dunha comisión de investigación no Parlamento, e «a asunción de responsabilidades políticas máis aló das responsabilidades xudiciais».
Na súa réplica, o presidente tamén afirmou que o seu Goberno nunca vai acusar nin á xustiza nin ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado de urdir tramas na súa contra nin tampouco vai obstaculizar a acción da xustiza.